Tuesday 17 de September de 2024

Ambar leva a cabo un obradoiro para a detección de violencias sexuais


Hoxe, xoves 1 de Agosto, A Asociación Ambar das Persoas con Diversidade Funcional, levou a cabo no seu Centro de Recursos un obradoiro para a detección de violencias sexuais impulsado pola área de Igualdade da Deputación da Coruña.
Nesta xornada tamén estiveron presentes Soledad Agra, Deputada da área de Igualdade; Cruz Rivadulla, Concelleira de Educación e Diversidade e Beatriz Lourido de Nova Xestión Cultural. Durante a súa visita aproveitaron para coñecer ás persoas usuarias e os proxectos que levan a cabo dende Ambar, acompañadas por Milagros Rey e Helena Teira, presidenta e coordinadora da Asociación.
“As actividades pola igualdade, non se cinxen a un só día, por iso quixemos alongar todas estas actividades levándoas a espazos onde normalmente non se traballa con elas. Sempre se soe facer en centros educativos ou asociacións abertas a todo o público, pero aqueles centros especializados en diversidade funcional, quedan moitas veces apartados dos circuítos de sensibilización e de traballo en igualdade.” Soledad Agra, Deputada da área de Igualdade.
A área de Igualdade da Deputación da Coruña impulsa a actividade ‘Obradoiros de capacitación dixital para a detección de violencias sexuais’ .

O obradoiro foi impartido por Verónica Ramilo , traballadora social, sexóloga e fotógrafa. Na actualidade colabora en proxectos especializados en sexualidade e diversidade intelectual.
“Dende o Concello de Ribeira pensamos que as novas tecnoloxías son esenciais a través dun bo uso. Hai que informar dos perigos que poidan ocasionar a todas as persoas. A través destes cursos axúdase a identificar o que está ben e o que está mal, e a obter recursos pararecoñecer a información que nos está chegando, saber se a mesma é lexítima, e dar as ferramentas necesarias para pedir axuda.” Cruz Rivadulla, Concelleira de Educación e Diversidade.

Durante as sesións do obradoiro abordáronse contidos para a identificación e prevención das violencias dixitais, a través de conceptos como a vixilancia, o control, o ciberacoso ou a sextorsión. De xeito transversal tamén se tratou a importancia da seguridade e do bo uso da tecnoloxía para cuestións básicas da vida cotiá.
“ Toda a información que se poida dar acerca deste tema eu considero que é fundamental, e hoxe, grazas á Deputación da Coruña, temos aquí unha formadora que está dando unhas nocións moi importantes para que as persoas saiban como protexerse ”. Agradeceu Milagros Rey.